Fraga, Antonio M.
Antonio M. Fraga (Nogueirosa, Pontedeume), é escritor e enxeñeiro técnico industrial. Comeza a súa andaina como narrador en 2013, ano en que acada o Premio Merlín de Literatura infantil con ""O Castañeiro de Abril"". Posteriormente publicou en Xerais ""Tártarus"" (2016), na colección Fóra de Xogo, ""Escaquis e Romeu"" (2018), na colección Sopa de Libros e ""Papá Caníbal"" (2021), na colección Merlín. En 2018 obtén o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil por ""O bestiario científico de Anxos Nogueirosa"", título polo que acadou o premio da Gala do Libro Galego 2019 á mellor obra xuvenil e que foi incluído na Lista de Honra IBBY do ano 2022. En 2020 gaña o Premio Jules Verne de literatura xuvenil con ""santoamaro"", novela seleccionada na lista White Ravens de 2021 elaborada pola Internationale Jugendbibliothek de Múnic e que tamén foi distinguida co Premio Follas Novas do Libro Galego ao Mellor Libro Xuvenil do ano 2021. Algúns dos seus títulos foron traducidos a idiomas como o castelán, o inglés, o catalán ou o éuscaro.