Maceiras, Andrea
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. No eido do relato curto obtivo en varias ocasións o primeiro premio do Certame Literario do Concello de Cambre nas modalidades de narrativa e poesía, así como o segundo premio do X Certame Literario de Relatos Curtos Os Viadutos do Concello de Redondela polo seu relato «Cando foi a última vez que pasou fame de verdade?». A súa primeira novela xuvenil, «Proxecto Bolboreta», foi publicada na colección Fóra de Xogo en Xerais no ano 2007 como obra gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior. En 2010 queda finalista do VI Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia. Nese mesmo ano gaña o 4º Premio Meiga Moira coa súa obra «Violeta Tamurana» (2010), que tamén queda finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento 2011. Con «Nubes de evolución» (Xerais 2013) quedou finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011 e gañadora do Premio Fervenzas Literarias, 2014. Con «Volverás, golfiño» (Xerais 2014) quedou finalista do Premio Merlín en 2013. En 2015 gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con «Europa Express» (Xerais 2015). En 2017 foi finalista do Premio Raíña Lupa con «O que sei do silencio» (Xerais 2018). Coa novela «Conta nove estrelas» (Xerais 2019) gañou o Premio Lazarillo en 2018, e con «A folla azul» (Xerais 2021) gañou o Premio Merlín 2020.