MARICA CAMPO
María Pilar Campo Domínguez, coñecida como Marica Campo, naceu no Val do Mao, no Incio, o 24 de febreiro de 1948. É a quinta filla dos seus pais son en total oito irmáns. Pasa os primeiros anos no Incio, pero vai á escola a Lugo. Cando ten oito anos, a familia trasládase a Lugo para facilitar os estudos dos fillos. Aos quince anos, ingresa nunha orde relixiosa coa intención de ser misioneira e alí permanece cinco anos. Acode á Universidade Pontificia de Salamanca onde fai estudos de Teoloxía. Obtén o título de mestra e inicia estudos de Filosofía e Letras. Exerceu como mestra en varias escolas da provincia de Lugo (entre outras, na de Muimenta e Castro de Rei), logo nas Canarias e, despois, na Mariña de Lugo, onde reside varios anos. Posteriormente, desenvolve o seu labor profesional no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, lugar onde se xubila en 2008 e onde continúa a residir. Publica os seus primeiros relatos, en castelán, na revista de maxisterio Contacto y acción. Comeza a escribir en galego durante a súa estadía no colexio público Castro de Rei. Participa en concursos de poesía, prosa e teatro, e obtén algúns premios. Tamén compón letras para o grupo musical Fuxan os ventos. Foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xermolos e pola Fundación Manuel María da Terra Chá en novembro de 2007.