MEIXIDE, ANDRES (IL.)""
Antonio Reigosa (Zoñán, Mondoñedo 1958) é escritor, investigador e divulgador da nosa cultura popular. Cronista oficial de Mondoñedo. Traballa como responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística Provincial de Lugo. Cofundador de Chaira, grupo de Investigación Etnográfica, ten participado en proxectos de investigación sobre literatura oral. Tamén é coautor, xunto con Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, do ""Dicionario dos Seres Míticos Galegos"" (Xerais 1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral. Así mesmo, é coautor dos volumes ""Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega"" (Xerais 2001), ""Pequena mitoloxía de Galicia"" (Xerais 2001), ""Cando os animais falaban"" (Xerais 2002), ""Arrepíos e outros medos"" (Xerais 2004) e ""Antoloxía do conto galego de tradición oral"" (2002). Xunto coa ilustradora Noemí López, publicou os álbums ""Guía ilustrada da Galicia invisible"" (Xerais 2010) e ""Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal"" (Xerais 2011). Como autor de literatura infantil publicou: ""Memorias dun raposo"" (Xerais 1998), novela, Premio Merlín ""Resalgario"" (Xerais 2001), novela, Premio Raíña Lupa de literatura infantil 2000 ""O galo avisado e o raposo trampulleiro"" (Xerais 2003) ""Bacoriño"" (Xerais 2004) ""O aprendiz de home do saco"" (Xerais 2013) e ""O raposo aviador que voa sen motor"" (Xerais 2019). En 2014 preparou a edición de ""Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías"", e xunto con Antonio García Teijeiro publicou ""Lendo lendas, digo versos"" (Xerais, 2015), Premio Gala do Libro Galego 2016 (Iniciativa Bibliográfica) e Lista de Honra do IBBY, 2018.