Pintos, Xoán Manuel
Xoán Manuel Pintos (Pontevedra 1811-Vigo 1876) é a figura máis importante da literatura galega primeira metade do século XIX. Sendo moi novo trasladouse á Coruña para estudiar Humanidades no Colexio dos Padres Dominicos. Posteriormente estableceuse en Compostela coa intención de cursar Dereito. Co tempo chegaría a exercer como xuíz en Cambados e como fiscal no seu lugar natal, ficando cesante por mor das transformacións políticas da altura ata o seu nomeamento como Rexistrador da Propiedade de Vigo, cargo en que se mantería ata a súa morte. O pontevedrés é autor dun único libro trilingüe, A Gaita gallega tocada pol-o Gaiteiro, ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e ainda mais (1853, Xerais 2003), que ten como finalidade achegar o idioma de Galiza ao público lector. Inclúe nela un Breve diccionario gallego escrito por el tamborilero, para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el Gaiteiro , que tencionaba servir de axuda para a súa comprensión. Aliás, no momento da súa morte estaba a confeccionar outro diccionario, para o cal tiña anotados case catorce mil vocábulos. Ademais de A Gaita gallega, Pintos deixounos un amplo conxunto de poemas, entre os que cabe salientar tres églogas e os Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea (1858). Pintos destaca na época pola súa faceta de gramático e latinista. Tamén colaborou na prensa do momento cun grande número de composicións soltas e folletos, entre os que podemos citar " Rechamo " , onde fai unha chamada aos autores galegos para utilizaren a nosa lingua.